Mónica Alonso fala de Luz Darriba

En este momento estás viendo Mónica Alonso fala de Luz Darriba

Mónica Alonso, artista galega e académica na Academia Galega de Belas Artes desde o 2022 fala comigo da artista Luz Darriba.

– Como Mónica Alonso coñeceu a Luz Darriba?

A primeira vez que tiven contacto coa obra de Luz foi co proxecto CUMULUM en Lugo.

– Tiñas oído falar dela antes de a coñecer en persoa?

No proxecto Cumulum non chegamos a coñecernos persoalmente, pero a partir do proxecto comecei a seguir o seu traballo. O contacto persoal foi xa nalgunha inauguración e a partir de aí xa foi continuado no tempo. Dende Cúmulum no 2000 van xa 23 anos de recorrido creativo paralelo. Empezamos a coincidir en un moitas inauguracións, actos… comentamos cuestións persoais… artísticas… Temos un pouco como unha especie de vida paralela artística, porque as dúas estamos no mesmo medio.

– Sabes algo da súa carreira anterior a vir vivir a Lugo?

O que sei é o que aparece no seu currículo artístico e vital, unha vida sempre en loita.

– Traballaches con ela en algún proxecto?

Conxuntamente non, pero si temos coincidido en proxectos colectivos fundamentalmente no marco do Museo Provincial de Lugo, en encontros, seminarios, conferencias. Lembro especialmente a exposición Eu, ti, elas, nosoutras, vosoutras en rede na que participabamos artistas mulleres. Organizáranse distintas actividades arredor da exposición e fóra moi enriquecedor.

– Ves puntos en común entre os vosos traballos?

Temos un tipo de obra moi diferente, pero si; temos puntos en común. Facemos unha obra na que nos implicamos moito emocionalmente. É obra persoal. No 2009 e 2010 eu facía fundamentalmente arte confesional, arte centrándome en min mesma. Mais tarde tamén entrei na parte dos outros, as confesións dos outros, creo que iso é un punto en común, porque ela traballa consciente a parte emocional. Esa parte máis de confesional, máis de dar prioridade á parte emocional., os pensamentos, os sentimentos.

Ademais, penso que as dúas temos moita preocupación polo ser humano. Sobre todo polas mulleres. Quero dicir que nos interesa dialogar coas persoas vivas, co vivo. Penso que a nosa obra funciona así.

Temos en común as súas frases “Eu son a miña obra”, “Son artista porque respiro, sereino mentres respire”. As dúas facemos unha obra na que nos implicamos emocionalmente unha obra confesional que Luz culmina co seu libro “Encaixe de Bruxelas”. Unha novela autobiográfica na que deixa fluír as súas lembranzas, a súa vida e a súa creación, non debemos esquecer que Luz é un todo.

Penso que tamén temos en común o amor á patria, ao lugar ao que pertencemos e co que nos sentimos totalmente identificadas. Luz sinte a Uruguai e a Arxentina, sempre leva por bandeira a súa orixe. Sinte tamén a Galicia e fala e escribe en Galego, algo moi importante para xs que amamos a cultura Galega.

– Tedes investigacións moi distintas a unha da outra pero o feminismo está presente nas dúas carreiras. Como cres que Luz aborda o feminismo? Dista moito da túa práctica? Que opinas do activismo de Luz?

Tendo en conta a situación de discriminación e inferioridade na que se atopan as mulleres artistas en relación aos homes, para min calquera obra feita por unha muller é feminista. Na miña obra a temática feminista non está presente como discurso, no entanto, na obra de Luz si, é un dos grandes piares do seu traballo. Son moitos os proxectos e accións de Luz relacionados con temáticas de xénero, de dereitos e de denuncia de violencia contra as mulleres. Lembremos proxectos como Patchwork (Santiago de Compostela, 2004), Guante negro, guante branco (Lugo, 2005), Cuestión de xénero (Buenos Aires, 2008), Pedras no camiño (Lugo, 2013), As Santas Migrantas, Museo do Pobo galego (Santiago de Compostela 2017). Venus, Mulleres en Acción, Violencia Zero (Vilagarcía de Arousa 2019), Coidármonos (Vigo, 2021), Cuestión de Xénero (Alameda de Santiago de Compostela, 2021).

Luz sae á Rúa, manifestase, xunta vontades, reivindica, loita, fai visible, a temática feminista.

Considero que a súa obra é moi valente e axuda directamente ás mulleres, é unha arte moi útil.

– Ela conta que as primeiras persoas en colaborar son a maior parte mulleres.

Seguro, seguro, porque… que vaia por diante que non teño nada en contra dos homes, pero considero que as mulleres temos moitas máis capacidades. As mulleres somos máis resolutivas, máis organizativas, moito máis empáticas. Entón eu creo que unha muller entende moi ben a parte social ou a parte máis emocional. Unha muller é capaz de todo, ten ese plus.

– Certo.

Para min, unha muller ten moitos pluses. Máis cualidades que un home. Tamén porque tivemos que loitar máis. Temos a vida máis traballada.

– Certo, hai que loitar máis na vida.

Tamén unha cousa que vexo é: se es nai, digamos que a aprendizaxe do proceso de criar un fillo che fai tamén ser forte, resolutiva… é un gran reto. Penso que no currículo, Luz pon que é nai de tres fillas.

– Ti escribes que es nai nas túas biografías?

Non poño exactamente nai de un fillo porque non me coincidiu. Pero eu penso que si… porque haberá un plus e tamén un recoñecemento.

– É un recoñecemento para nós pero non sei se para todos. Eu teño un fillo de seis anos que… é todo un reto. Nos tempos que estaba buscando emprego, en varias entrevistas preguntáronme se tiña fillos… como ía compaxinar… ao meu marido non lle preguntaban esas cousas.

Iso é tremendo. Penso que se comete un grande erro, un erro enorme. É non considerar a unha muller que para min ten moitísimos pluses, moitísimos, moitísimos. Ten que resolver tantísimas cousas na crianza de un fillo, que eu penso que repercute a nivel profesional. É o que penso e de feito, véxoo. Dende despois da crianza, teño moitísimas máis habilidades, máis cualidades, son moitísimo máis resolutiva, podo facer máis cousas á vez. Son máis forte.

– Pois si, Luz cando fala das súas fillas, sempre di que é unha parte fundamental da súa vida e tamén da súa obra. Supoño que todas esas obras de temática feminista xorden tamén da crianza e das súas experiencias durante a vida.

Claro. Ela sabe o que é ser muller. Ela sabe todas as complicacións que teñen as súas fillas. Porque ademais tres mulleres… Saíron as tres mulleres.

– Ela traballa con materiais comúns da vida diaria e fai instalacións de carácter efémero. Cres que perdurará no tempo? Porque normalmente o que queda dun artista é a obra. Porén, na obra de Luz, hai moitísimo efémero, o que máis se coñece dela é o que xa non está…

Todos os tipos de creación, pintura, escultura, instalación, teñen o seu medio, incluída a intervención urbana efémera… existen rexistros diferentes. No caso das instalacións de carácter efémero queda o proxecto, as imaxes, e o relato do que aconteceu. Luz construíu unha muralla de 659.000 libros, iso é real.

Se non o fas non o podes contar. A min non me parece en absoluto o efémero.

– Pensas que vai perdurar?

Si, porque forma parte do seu proxecto. CUMULUM, por exemplo, forma parte da historia de Lugo e vai estar por moito tempo presente na memoria da xente. Eu creo que todo o mundo se acorda de Cumulum.

– Hai proxectos de máis artistas con estas mesmas premisas e é verdade que moitas perduran na memoria, pero tamén pola documentación que xorde das mesmas.

Christo e Jeanne-Claude son un exemplo deste tipo de propostas. A diferencia é que eles xeran obra paralela, quero dicir, para vender, para que perdure, etcétera, etcétera. Fan as montaxes en maquetas tridimensionais, en pequeno. Entón moitas veces hai oportunidade realmente de ver esa obra nunha exposición.

– Neste caso non existe esa parte. Non ten obra que saia dos proxectos. O que queda son as fotos e non foron creadas para vender.

Claro, Christo utilizaba ese tipo de pezas para financiar os seus proxectos. Vendíaos para financiar. Se Luz tomou a decisión de non… de que non perdurara nada, aí débese valorar o porqué. Hai que telo en conta. Porque se quixera volver a facer a macroinstalación no presente, será feita a través das imaxes ou a través do discurso teórico que a fixo posible. Se houbese algunha documentación, tivese recollido calquera material, por exemplo, imaxina que recolle unha serie de luvas, e os amosa, xa é distinto (falando da instalación de luva branca, luva negra). Todo debe ser valorado. Se ela decide que non quede nada, pois… o que queda é o relato da xente. As imaxes e o relato.

Eu creo que cando fas unha intervención, todos son decisións da artista. Decide como quere facer o seu traballo. Cada decisión que toma suponse que é igual a unha pincelada falando de pintura. Cada pincelada é unha decisión. Nunha intervención, cada cousa que fai é unha decisión.

–  Como ve Mónica Alonso a traxectoria e a carreira de Luz Darriba?

A pintura de cabalete quedouselle pequena. Tivo que saír a rúa co seu traballo.

As súas grandes intervencións en espazos emblemáticos son o mais característico dela para min. Buscar eses espazos emblemáticos… O acto de tomar un espazo emblemático ou non, ou tomar outro. Son todo decisións que se van tomando en relación a obra de cada unha… Eu quero que o entendas. Necesitas entendelo. Entender que o artista non fai as cousas porque si. Hai un motivo para todo.

– Que está todo unido, non?

Eu creo que si. Por exemplo, cada disciplina ten as súas cualidades. Ela busca sempre a maior visibilidade porque a obra pídeo. A súa obra é unha loita constante polos dereitos das mulleres… loita tanto polo social e polo feminismo que é realmente o seu tema.

Ademais escribe. Unha artista que escriba, que escriba tan ben como Luz, é moi valioso realmente.

– Gústache a obra narrativa de Luz?

Teño que confesar que non lin todo, pero que me parece interesante, porque é unha mistura de ir e vir que achega moito ao seu discurso tamén como artista. É moi densa, na miña opinión. Luz ten moito dentro. Ten tanto, tanto, tanto dentro… Valoro moito a súa presenza social, as manifestacións, os actos, sempre está ela presente, o que digo do artista presente ou do personaxe presente. Constante en conferencias, en charlas, a todos os actos, está presente… Esas presenzas fan falta. Son necesarias. Converteuse nun símbolo vivo para esta cidade e tamém para Galicia. Ademais está no consello da cultura galega. É un recoñecemento moi importante.

E claro, con este tema de estar presente, temos que volver ao tema de ser muller.

Non é o mesmo que a presenza sexa de un home que sexa de unha muller. De feito, as mulleres, canto menos presenza, e menos chames a atención, mellor…

– Mellor para eles…

Xa, pero Luz pelexa moito para que iso non sexa así.

– Si, a verdade que pelexa moito.

Xa me gustaría a min a súa forza, a súa claridade. É unha persoa intensa e todo iso sae no seu traballo.

– Descríbea con unha palabra.

Forza.

Moitas grazas Mónica Alonso

Fotos:
Mónica Alonso “La Voz de Galicia”
Luz Darriba “Nós Diario”

Deja una respuesta

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable: Olga Pastor Alvarado.
  • Finalidad:  Moderar los comentarios.
  • Legitimación:  Por consentimiento del interesado.
  • Destinatarios y encargados de tratamiento:  No se ceden o comunican datos a terceros para prestar este servicio.
  • Derechos: Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional: Puede consultar la información detallada en la Política de Privacidad.